set 09 2010

CIENCIA, TECNOLOXÍA, BIOLOXÍA E SOCIEDADE RETOS PARA O NOSO FUTURO .

A tecnociencia foi considerada, (durante unha grande cantidade de tempo e grazas, en parte, ao pensamento ilustrado) coma unha das actividades humanas posuidoras, en si mesma, da Verdade ou da aproximación a ela. Este feito foi denominado, por un dos meirandes sociólogos lusos, Boaventura de Sousa Santos, coma o paradigma dominante. Esta concepción, segundo el, implica o seguinte:

“O modelo de racionalidade que preside à ciência moderna constituíu-se a partir da revolução científica do século XVI e foi desenvolvido nos séculos seguintes basicamente no dominio das ciências naturais. Aínda que com algúns prenúncios no século XVIII, é só no século XIX que este modelo de racionalidade se estende às ciências sociais emergentes. A partir de então pode falar-se de um modelo global de racionalidade científica que admite variedade interna mas que se distingue e defende, por via de fronteiras ostensivas policiadas, de duas formas de conhecimento não científico (e, portanto, irracional) potencialmente perturbadoras e intrusas: o senso comum e as chamadas humanidades ou estudos humanísticos (em que se incluíram, entre outros, os estudos históricos, filológicos, jurídicos, literarios, filosóficos y teológicos)” (Santos, 2001: 10).

Esta interpretación santosiana enmárcase, claramente, dentro da chamada “guerra das ciencias”. A cal tivo o seu comezo na famosa fraude de Sokal. Esta batalla xurdiu a partires do intre no que as mal chamadas humanidades comezaron a estudar a tecnociencia coma se fose unha actividade humana máis carente de calquera tipo de prestixio epistémico ao respecto das outras actividades gnoseolóxicas. Polo tanto, a tecnociencia estaría suxeita aos intereses e inquietudes das persoas que a levan a termo.

Denantes de continuar, temos que salientar as conclusións ás que chegou Snow nos seus coñecidos traballos sobre as dúas culturas. Estes traballos partiron un primeiro artigo publicado na revista New Statesman, para posteriormente converterse na conferencia e o libro intitulado Two Cultures and the Scientific Revolution que recentemente ven de ser publicado en galego grazas ao Consello da Cultura Galega. Esta obra, ao abeiro da efeméride dos cincuenta anos da súa conferencia, vai ver a luz en galego dentro de pouco tempo. Nesta secuencia de traballos Snow avogaba pola tese da fenda entre as ciencias e as letras, amosando con isto unha chea de argumentos que calaron moi fondo na sociedade. Deste xeito, é ata o día de hoxe, moitas persoas seguen considerando que existen dous grandes eidos gnoseolóxicos nas diversas disciplinas que conforman o noso coñecemento. Pois ben, deixemos nunha banda a Snow e aos seus traballos xa que non son o centro das nosas inquedanzas nesta ocasión.

Froito dos traballos en Socioloxía da ciencia, en Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, e nos Estudos sociais da ciencia, se principiou a mudar a concepción da tecnociencia, da súa actividade e, incluso, da configuración da propia institución tecnocientífica. Neste senso, podemos salientar unha das posturas máis radicais ao respecto: o EPOR. Este acrónimo ven a significar o Programa Empírico do Relativismo (Empirical Programme of Relativism) e foi fundamentalmente desenvolvido na Universidade de Bath. Para este programa, o que conta coma verdadeiro pode variar en función do lugar e, polo tanto, en función da cultura. Entón, os produtos da actividade tecnocientífica son relativos, tanto que “os datos carecen de todo significado fora dun contexto interpretativo” (Collins, 1997: 54).

Perante este suposto ataque da socioloxía á concepción clásica da tecnociencia, xurdiron posturas defensivas en disciplinas tales coma a filosofía da ciencia. A razón diso está na consideración, por parte desta disciplina, de que todas estas posturas —materializadas dun xeito un tanto sensacionalista no “todo vale” feyerabendiano— eran destructoras da propia ciencia. Non creo que sexa o intre de entrar a discutir sobre a idoneidade destas consideracións, xa que o noso obxecto é diferente. O que pretendemos amosar é o debate xurdido entre os distintos enfoques dos estudos sobre a actividades científica. En todos eles, se ten moi claro que a sociedade actual está moi condicionada, sen dúbida algunha, polo desenvolvemento da ciencia e da tecnoloxía. Isto fai que analizar as consecuencias de este condicionamento sexa importante para poder chantar as bases das nosas políticas científico-tecnolóxicas, das percepcións públicas das mesmas, da vinculación entre a innovación e a sociedade, a problemática do risco, etc.

Pois ben, nesta ocasión na revista Roteiros. Arumes de pensamento crítico tomamos a decisión de estudar e analizar estas cuestión dende unha perspectiva aberta, plural e internacional. De aí que contemos coa colaboración de expertos do continente americano e de afamados pensadores do eido español.

A perspectiva aberta e plural fai que o novo número tome en conta aspectos antropolóxicos, tal e como fai Ildefonso Murillo (UPSA), aspectos relativos ás políticas científicas, como desenvolveu Emilio Muñoz (CSIC-CIEMAT) ou cuestións vencelladas ao problema relativo a innovación, como amosa Javier Echeverría (UPV). En relación aos aspectos máis fondamente sociolóxicos, Benito Arbaizar (IES Eusebio dá Garda) fala do dominio ou, en certo xeito, do poder relativo á ciencia e á técnica. Dende unha perspectiva ética Jorge Issa (Universidad Autónoma Metropolitana-Iztapalapa) fala dos aspectos medioambientais e das cuestión éticas e filosóficas que deben ser tidas en conta á hora de analizar estas cuestións. Amais disto Óscar Fernández (Universidad Libertadores, Venezuela) toma en consideración as novas disciplinas do saber orixinadas a raíz das achegas do pensamento biolóxico, como a ciber epistemoloxía. Jesús A. Valero e Juan R. Coca (UVA) falan dos dilemas de convivencia social orixinados dos derradeiros anos. Mentres que Juan R. Coca, Jesús A. Valero (UVA) e Francisco Díaz-Fierros (USC) expoñen cómo a predicción e o progreso están relacionados coa tecnociencia. Por último, tamén se amosa un traballo bibliográfico cuxo obxectivo é o de dar pistas aos lectores dos numerosos traballos que se teñen feito ao respecto.

Deste xeito os estudosos, pensadores, analistas e todas aquelas persoas interesadas poderán ter un abanico suficientemente amplo para coñecer o debate actual e os aspectos máis salientables do debate.

Sen respostas

set 07 2010

Sae a rúa o número 4 de Roteiros

Publicado por roteiros en Revista Roteiros

Nesta ocasión o tema a tratar é o da ciencia, a tecnoloxía, a natureza e o seu impacto social. Neste número poderedes atopar os seguintes artigos:

- CIENCIA E SOCIEDADE. DILEMAS DE CONVIVENCIA SOCIAL: Jesús A. Valero Matas e Juan R. Coca.

- LA ENTRAÑA HISTÓRICA DE LAS CIENCIAS NATURALES Y EL PRESENTE DE NUESTRA SOCIEDAD: Ildefonso Murillo

- CIENCIA, TÉCNICA E DOMINIO: Benito Arbaizar Gil.

- ANOVACIÓN E SOCIEDADE: UNHA APROXIMACIÓN PLURALISTA: Javier Echeverría

- CIENCIA, TECNOLOXÍA, PROGRESO E PREDICIÓN. A PERSPECTIVA DE ILKKA NIINILUOTO: Juan R. Coca, Jesús A. Valero Matas e Francisco Díaz-Fierros.

- ACCIÓN E REFLEXIÓN EN ACCIÓN E REFLEXIÓN EN ÉTICA
AMBIENTAL: Jorge Issa G.

- REFLEXIÓNS ACERCA DO CAMBIO CLIMÁTICO AMBIENTAL GLOBAL: GOBERNANZA, SOSTENIBILIDADE E ESPAZO SOCIAL: Emilio Muñoz

- CONSIDERACIÓNS RESPECTO DE DOUS CONCEPTOS FUNDAMENTAIS EN BIOLOXÍA EVOLUTIVA: A SELECCIÓN NATURAL E A NOCIÓN DE TEMPO: Francesc Mestres

- TEORIA META COMPLEXA DO PENSAMENTO BIOLÓXICO
APROXIMACIÓN DESDE O NICHO BIOSEMIÓTICO: Oscar Fernández

Entre outros.

Sen respostas

xull 14 2008

Presentación do monográfico sobre Interculturalidade

Publicado por roteiros en Revista Roteiros

O fenómeno da interculturalidade, ó que o consello de redacción da revista Roteiros dedica este número, é un dos máis desacougantes na actualidade, tanto no mundo, en xeral, como en España, en particular, onde acada unhas dimensións dificilmente superadas por outros países. O fenómeno da interculturalidade ten a súa orixe na inmigración, na actualidade un dos grandes desafíos ós que se ven enfrontadas as nosas sociedades actuais. É de tal magnitude que xa se fala da inmigración como dun <feito político maior>.

No que atinxe a España, en poucas décadas pasou de ser un país netamente emisor de emigrantes a converterse en receptor dun intenso fluxo migratorio. Naturalmente, a magnitude deste fluxo migratorio tivo as súas consecuencias, que se poden clasificar como demográficas, económicas e socio-culturais.

Pasando por alto as dúas primeiras, este número céntrase nas consecuencias socio-culturais. Se ata comezos da década dos 90 do século XX a poboación española fora moi homoxénea cultural e etnicamente, a chegada masiva de inmigrantes provocou unha diversidade racial, cultural, relixiosa e lingüística antes nunca vista na historia de España. Certamente, a asimilación da poboación estranxeira representa un reto para a sociedade española, que se debe enfrontar a problemas ata agora non presentados, como son, entre outros, a convivencia con novas prácticas relixiosas, o estatus da muller ou a creación de guetos de inmigrantes nas grandes cidades.

A revista Roteiros aborda no presente número, pensamos que con amplitude e profundidade, o problema dunha sociedade intercultural, que presenta a diversidade como punto de articulación dun encontro dialogal.

COMITÉ DE REDACCIÓN

Comentarios pechados

xun 16 2008

Inclusión de Roteiros en Dialnet

Publicado por roteiros en Revista Roteiros

O noso anuario xa pode ser consultado na Dialnet, base de datos da Universidade da Rioxa. Esta base de datos a empregan máis de 260.000 persoas e incorpora preto das 5.000 revistas. Se a queredes consultar picade no icono da lista de páxinas importantes.

Sen respostas

xun 14 2008

Ciencia Intercultural

Como xa dixemos o número actual de Roteiros tratou, de xeito central, a interculturalidade. Este concepto ten tanta importancia que pode ser aplicado á ciencia, falando entón de ciencia intercultural. Esta supón unha alternativa ao positivismo —do mesmo xeito que a corrente CTS—, no sentido dunha ciencia tentativa ou postnormal. Amais, implica a aceptación das influenzas culturais na produción científica e viceversa. Doutra banda, supón un certo enfoque constructivista xa que ten moi presente a perspectiva cultural e imaxinaria da mesma. O enfoque intercultural cuestiona a occidentalización da ciencia procurando chegar a un sistema científico máis global. A nivel curricular implica unha orientación centrada no escenario sociocultural do que está aprendendo. Ideoloxicamente, leva a defensa da equidade social, da solidariedade, da tolerancia, etc. 

Sen respostas

Seguinte »