xull 14 2008
Presentación do monográfico sobre Interculturalidade
O fenómeno da interculturalidade, ó que o consello de redacción da revista Roteiros dedica este número, é un dos máis desacougantes na actualidade, tanto no mundo, en xeral, como en España, en particular, onde acada unhas dimensións dificilmente superadas por outros países. O fenómeno da interculturalidade ten a súa orixe na inmigración, na actualidade un dos grandes desafíos ós que se ven enfrontadas as nosas sociedades actuais. É de tal magnitude que xa se fala da inmigración como dun <feito político maior>.
No que atinxe a España, en poucas décadas pasou de ser un país netamente emisor de emigrantes a converterse en receptor dun intenso fluxo migratorio. Naturalmente, a magnitude deste fluxo migratorio tivo as súas consecuencias, que se poden clasificar como demográficas, económicas e socio-culturais.
Pasando por alto as dúas primeiras, este número céntrase nas consecuencias socio-culturais. Se ata comezos da década dos 90 do século XX a poboación española fora moi homoxénea cultural e etnicamente, a chegada masiva de inmigrantes provocou unha diversidade racial, cultural, relixiosa e lingüística antes nunca vista na historia de España. Certamente, a asimilación da poboación estranxeira representa un reto para a sociedade española, que se debe enfrontar a problemas ata agora non presentados, como son, entre outros, a convivencia con novas prácticas relixiosas, o estatus da muller ou a creación de guetos de inmigrantes nas grandes cidades.
A revista Roteiros aborda no presente número, pensamos que con amplitude e profundidade, o problema dunha sociedade intercultural, que presenta a diversidade como punto de articulación dun encontro dialogal.
COMITÉ DE REDACCIÓN
Comments Off


O doutor en Socioloxía Enrique Carretero achéganos unha interesante perspectiva sobre a modernidade, a través das figuras de Maffesoli e Baudrilllard.






