xull 14 2008

Presentación do monográfico sobre Interculturalidade

Published by roteiros under Revista Roteiros

O fenómeno da interculturalidade, ó que o consello de redacción da revista Roteiros dedica este número, é un dos máis desacougantes na actualidade, tanto no mundo, en xeral, como en España, en particular, onde acada unhas dimensións dificilmente superadas por outros países. O fenómeno da interculturalidade ten a súa orixe na inmigración, na actualidade un dos grandes desafíos ós que se ven enfrontadas as nosas sociedades actuais. É de tal magnitude que xa se fala da inmigración como dun <feito político maior>.

No que atinxe a España, en poucas décadas pasou de ser un país netamente emisor de emigrantes a converterse en receptor dun intenso fluxo migratorio. Naturalmente, a magnitude deste fluxo migratorio tivo as súas consecuencias, que se poden clasificar como demográficas, económicas e socio-culturais.

Pasando por alto as dúas primeiras, este número céntrase nas consecuencias socio-culturais. Se ata comezos da década dos 90 do século XX a poboación española fora moi homoxénea cultural e etnicamente, a chegada masiva de inmigrantes provocou unha diversidade racial, cultural, relixiosa e lingüística antes nunca vista na historia de España. Certamente, a asimilación da poboación estranxeira representa un reto para a sociedade española, que se debe enfrontar a problemas ata agora non presentados, como son, entre outros, a convivencia con novas prácticas relixiosas, o estatus da muller ou a creación de guetos de inmigrantes nas grandes cidades.

A revista Roteiros aborda no presente número, pensamos que con amplitude e profundidade, o problema dunha sociedade intercultural, que presenta a diversidade como punto de articulación dun encontro dialogal.

COMITÉ DE REDACCIÓN

Comments Off

xun 16 2008

Inclusión de Roteiros en Dialnet

Published by roteiros under Revista Roteiros

O noso anuario xa pode ser consultado na Dialnet, base de datos da Universidade da Rioxa. Esta base de datos a empregan máis de 260.000 persoas e incorpora preto das 5.000 revistas. Se a queredes consultar picade no icono da lista de páxinas importantes.

No responses yet

xun 14 2008

Ciencia Intercultural

Published by roteiros under Cuestións filosóficas

Como xa dixemos o número actual de Roteiros tratou, de xeito central, a interculturalidade. Este concepto ten tanta importancia que pode ser aplicado á ciencia, falando entón de ciencia intercultural. Esta supón unha alternativa ao positivismo —do mesmo xeito que a corrente CTS—, no sentido dunha ciencia tentativa ou postnormal. Amais, implica a aceptación das influenzas culturais na produción científica e viceversa. Doutra banda, supón un certo enfoque constructivista xa que ten moi presente a perspectiva cultural e imaxinaria da mesma. O enfoque intercultural cuestiona a occidentalización da ciencia procurando chegar a un sistema científico máis global. A nivel curricular implica unha orientación centrada no escenario sociocultural do que está aprendendo. Ideoloxicamente, leva a defensa da equidade social, da solidariedade, da tolerancia, etc. 

No responses yet

mai 18 2008

Xa tedes o número 2 de Roteiros!

Published by roteiros under Revista Roteiros

Un novo número do noso anuario de pensamento e filosofía ven de ser presentado recentemente á sociedade. Nesta ocasión trátase dun xeito profundo a interculturalidade e os conflitos que ás veces xera. No número colaboran persoa de relevancia internacional coma Raúl Fornet-Betancourt, Ricardo Salas Astrain, Luis Villoro, Xulián Barrio Barrio, Beatriz Fernández Herrero, Miguel Á. Martínez Quintanar, Ángel E. Carretero Pasín, Daniel Gutiérrez Martínez, Mauricio Beuchot, Juan R. Coca y Emilio Valadé.

Tentaremos, pouco a pouco, de darvos unha idea do anuario para que vaiades a mercar a revista ou vos decidades a suscribirvos.

ROTEIROS

No responses yet

mar 04 2008

A recepción da Hermenéutica Analóxica en España

Published by roteiros under Cuestións filosóficas

Os pasados días 27 e 28 de febreiro tivo lugar o encontro “La hermenéutica analógica en España” no Instituto Superior de Filosofía. Nel comprobouse que a Hermenéutica Analóxica é unha proposta filosófica alternativa e resistente aos excesos da bipolarización da cultura contemporánea.

A intervención de Mauricio Beuchot fixo ver que non se trata dunha vía de pensamento improvisada se non que se atopa sustentada en argumentos histórico-filosóficos. Son xa moitas as disciplinas que se poñen a funcionar dende os presupostos da HA, como expuso Justino López na súa síntese bibliográfico-receptiva. No encontro puidemos corroborar cómo o dereito (Napoleón Conde) e a xustiza (José Carlos Muinelo); o arte (Sixto J. Castro) e a representación (Lourdes Otero e Pilar Mancebo); a actividade tecnocientífica (Juan R. Coca) e a antropoloxía (Pedro Herráiz); a retórica (Francisco Arenas-Dolz) e incluso os cuestionamentos e retos que se lle poden presentar dende a relixión (Miguel Ángel Quintana) e dende o espírito tráxico que latexa na propia analoxía (Joaquín Esteban) poden axudar a daren inda máis consistencia a estes plantexamentos.

Para coñecer un pouco que di a Hermenéutica Analóxica ao respecto da concepción do ser humano, poderemos ler un interesante artigo no vindeiro número de Roteiros.

No responses yet

Next »