xull 14 2008

Presentación do monográfico sobre Interculturalidade

Published by roteiros under Revista Roteiros

O fenómeno da interculturalidade, ó que o consello de redacción da revista Roteiros dedica este número, é un dos máis desacougantes na actualidade, tanto no mundo, en xeral, como en España, en particular, onde acada unhas dimensións dificilmente superadas por outros países. O fenómeno da interculturalidade ten a súa orixe na inmigración, na actualidade un dos grandes desafíos ós que se ven enfrontadas as nosas sociedades actuais. É de tal magnitude que xa se fala da inmigración como dun <feito político maior>.

No que atinxe a España, en poucas décadas pasou de ser un país netamente emisor de emigrantes a converterse en receptor dun intenso fluxo migratorio. Naturalmente, a magnitude deste fluxo migratorio tivo as súas consecuencias, que se poden clasificar como demográficas, económicas e socio-culturais.

Pasando por alto as dúas primeiras, este número céntrase nas consecuencias socio-culturais. Se ata comezos da década dos 90 do século XX a poboación española fora moi homoxénea cultural e etnicamente, a chegada masiva de inmigrantes provocou unha diversidade racial, cultural, relixiosa e lingüística antes nunca vista na historia de España. Certamente, a asimilación da poboación estranxeira representa un reto para a sociedade española, que se debe enfrontar a problemas ata agora non presentados, como son, entre outros, a convivencia con novas prácticas relixiosas, o estatus da muller ou a creación de guetos de inmigrantes nas grandes cidades.

A revista Roteiros aborda no presente número, pensamos que con amplitude e profundidade, o problema dunha sociedade intercultural, que presenta a diversidade como punto de articulación dun encontro dialogal.

COMITÉ DE REDACCIÓN

Comments Off

xun 14 2008

Ciencia Intercultural

Published by roteiros under Cuestións filosóficas

Como xa dixemos o número actual de Roteiros tratou, de xeito central, a interculturalidade. Este concepto ten tanta importancia que pode ser aplicado á ciencia, falando entón de ciencia intercultural. Esta supón unha alternativa ao positivismo —do mesmo xeito que a corrente CTS—, no sentido dunha ciencia tentativa ou postnormal. Amais, implica a aceptación das influenzas culturais na produción científica e viceversa. Doutra banda, supón un certo enfoque constructivista xa que ten moi presente a perspectiva cultural e imaxinaria da mesma. O enfoque intercultural cuestiona a occidentalización da ciencia procurando chegar a un sistema científico máis global. A nivel curricular implica unha orientación centrada no escenario sociocultural do que está aprendendo. Ideoloxicamente, leva a defensa da equidade social, da solidariedade, da tolerancia, etc. 

No responses yet

mai 18 2008

Xa tedes o número 2 de Roteiros!

Published by roteiros under Revista Roteiros

Un novo número do noso anuario de pensamento e filosofía ven de ser presentado recentemente á sociedade. Nesta ocasión trátase dun xeito profundo a interculturalidade e os conflitos que ás veces xera. No número colaboran persoa de relevancia internacional coma Raúl Fornet-Betancourt, Ricardo Salas Astrain, Luis Villoro, Xulián Barrio Barrio, Beatriz Fernández Herrero, Miguel Á. Martínez Quintanar, Ángel E. Carretero Pasín, Daniel Gutiérrez Martínez, Mauricio Beuchot, Juan R. Coca y Emilio Valadé.

Tentaremos, pouco a pouco, de darvos unha idea do anuario para que vaiades a mercar a revista ou vos decidades a suscribirvos.

ROTEIROS

No responses yet